Visitas comentadas á exposición “Memorias do Café Derby (1929-2020)” na Casa do Cabido

xoves, 13 Xaneiro, 2022

A Casa do Cabido acolle desde finais de outubro a exposición “Memorias do Café Derby (1929-2020)”, promovida polo Consorcio de Santiago. A mostra percorre a traxectoria do emblemático Café durante as máis de nove décadas que o converteron no máis lonxevo de Compostela. É a primeira exposición celebrada na cidade que traslada a memoria do patrimonio artístico e histórico dun café.

 

Debido ao éxito que está a ter a exposición desde a súa posta en marcha, a concellería de Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago está a organizar unha serie de visitas comentadas para o público os venres pola tarde (ás 18:00 horas) e os domingos pola mañá (ás 12:00 horas). Realizaranse todas as semanas ata o vindeiro 13 de febreiro, data na que se clausurará a mostra.

 

As visitas, que son gratuítas, son guiadas e comentadas polos comisarios da mostra, Ana Castro e Fernando Franjo. Cada unha ten unha duración duns 50 minutos, cun aforo máximo de 10 persoas por visita, seguindo a orde de inscrición. As persoas interesadas en participar nestes percorridos deben enviar un correo electrónico coa súa solicitude a visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no que se indicará o número de persoas que desexan formar parte da visita. As peticións serán confirmadas a volta de correo e esta confirmación será imprescindible para facer efectiva a reserva.

 

Nestas visitas comentadas séguese a historia do Derby nunha secuencia cronolóxica, desde os seus antecedentes, a principios do século XX, ata o peche do Café en 2020. Ademais, é unha magnífica oportunidade para coñecer o seu patrimonio artístico e decorativo exclusivo, que chegou á actualidade e que os visitantes poderán admirar nunha recreación do Café que se exhibe na propia exposición.

 

“A exposición está a ter un enorme éxito tanto entre os composteláns como entre os turistas, mesmo hai persoas que repiten a visita. Xa teñen participado moitos colectivos, asociacións, centros educativos… da cidade, que se sorprenden coas anécdotas e curiosidades que se reflicten do Derby a través desta mostra. Hai un caderno de notas onde os visitantes deixan as súas impresións e o certo é que quedan moi impresionados, en particular coa recreación do Café” -salienta o comisario Fernando Franjo-.

 

Horarios da exposición

 

A exposición pode visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 h. Os luns pecha ao público.