A presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, visita o Palacio de Congresos tras un investimento de preto de 800.000 euros para a renovación e ampliación da cociña

Visita Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia
martes, 2 Xuño, 2026

A presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, visitou hoxe o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, un edificio cuxa titularidade corresponde ao propio Consorcio. No período 2024-2026, o organismo destinou 3,9 millóns de euros á renovación integral da cuberta e da cociña do edificio, e ten previsto investir este ano máis de 500.000 euros na renovación de todas as carpintarías, o que elevará o investimento total a 4,4 millóns de euros.

 

A alcaldesa estivo acompañada polo xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez Varela; o director da área de Operacións de Eurostars, José María Barrán; e a directora do Palacio de Congresos, Belén Montero.

 

A reforma da cociña responde á necesidade de dispoñer dunha infraestrutura axeitada para atender un elevado volume de comensais, en consonancia coa actividade congresual que acolle o edificio. Tras 30 anos desde a súa inauguración, foi necesario renovar e redimensionar tanto a cociña como a cafetería para dar cobertura a todos os eventos que se celebran nas súas instalacións.

 

As obras realizadas supuxeron a reorganización integral dos espazos de cociña, cafetería e comedor, incluíndo áreas de almacenamento, recepción de mercadorías, cámaras de frío, vestiarios, aseos do persoal e xestión de residuos. Así mesmo, renovouse completamente o equipamento da cociña, mellorando a eficiencia enerxética das instalacións.

 

Por outra banda, nos últimos meses executouse a substitución completa da cuberta a través da empresa pública Tragsa, corrixindo os problemas de filtracións e mellorando a impermeabilización e estanqueidade do edificio.

 

Ademais, este mes de xuño está prevista a licitación da renovación das carpintarías do Palacio de Congresos co obxectivo de mellorar o illamento térmico e acústico, a eficiencia enerxética, a accesibilidade e as condicións de evacuación. A actuación incluirá a substitución das carpintarías exteriores e interiores, así como a adaptación das portas de emerxencia e dos grandes accesos destinados á montaxe e desmontaxe de eventos.

 

Goretti Sanmartín destacou que estes investimentos permiten “mellorar as condicións do edificio para adecuar este espazo e convertelo nun motor clave para o turismo de negocios e o desenvolvemento local”. O Palacio de Congresos conta con 15.000 metros cadrados e capacidade para 2.100 persoas, acollendo congresos, eventos corporativos, simposios, feiras, exposicións e actividades de carácter social e cultural.

 

Desde o 1 de outubro de 2024, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia está xestionado polo Grupo Hotusa mediante un contrato de concesión de servizos. En cumprimento deste contrato, a empresa realizou ademais investimentos por valor de 350.000 euros destinados a equipamentos de dixitalización, oficinas, aseos e aparcadoiro, entre outros.