O Consorcio de Santiago reúne a súa Comisión Executiva

Comisión Executiva do 16 de marzo
luns, 16 Marzo, 2026

O Consorcio de Santiago reuniu este luns 16 de marzo a súa Comisión Executiva. A xuntanza estivo presidida pola alcaldesa da cidade e presidenta do organismo interadministrativo, Goretti Sanmartín Rei, e tivo lugar na sede do Consorcio de Santiago no Pazo de Vaamonde.

 

Así mesmo, participaron pola Administración Xeral do Estado Ángel Esteban Paul, inspector xeral do Ministerio de Facenda; pola Xunta de Galicia, Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en representación do Concello de Santiago de Compostela, o concelleiro Borja Verea Fraiz. Asistiron tamén á xuntanza José Manuel González García, secretario do Concello de Santiago e secretario do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela; Marta Oviedo Creo, interventora do Concello e responsable do control do Consorcio; e José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio.

 

No transcurso da reunión deuse conta das bases para a convocatoria de 2026 da concesión de subvencións do programa “Ter é Manter”, cun importe total de 700.000 euros, dirixido á mellora da accesibilidade, ás obras de mantemento da envolvente exterior e ás intervencións sobre elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles da cidade histórica de Santiago de Compostela.

 

Tamén se deu conta das bases reguladoras da subvención directa en especie do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela ao Concello de Santiago de Compostela para a elaboración do proxecto básico e de execución, así como para a obra de rehabilitación do Centro Sociocultural de Vidán, cun importe total de 120.000 euros.

 

Ademais, entre outros asuntos de trámite necesarios para o correcto funcionamento do organismo, aprobouse a liquidación do orzamento relativo ao 2025 do Consorcio de  Santiago.