O Consorcio de Santiago executa obras de restauración no hórreo da Finca de Vista Alegre

Hórreo Vista Alegre
martes, 31 Marzo, 2026

O Consorcio de Santiago está a executar as obras de restauración do hórreo situado na Finca de Vista Alegre, cun investimento total de 17.165,52 euros, co obxectivo de recuperar as condicións orixinais deste elemento tradicional e garantir a súa conservación.

 

A actuación céntrase na consolidación estrutural do hórreo, que presenta un avanzado estado de deterioro, con colapso parcial da cuberta e danos nos seus elementos portantes, carpintarías e fábricas pétreas. Os traballos comezaron coa limpeza da contorna e do interior, incluíndo a retirada de vexetación e de entullos acumulados.

 

No ámbito da cuberta, estase a proceder á súa desmontaxe para a reparación das cerchas en madeira de castiñeiro, así como á posterior recolocación da tella, recuperando as pezas existentes e completando a cubrición con materiais de características semellantes cando é preciso.

 

Así mesmo, inclúese a restauración das portas, coa recuperación das súas ferraxes mediante técnicas tradicionais, e a limpeza e rexuntado dos paramentos pétreos, co obxectivo de evitar filtracións e mellorar a conservación do conxunto.

 

Todas estas actuacións execútanse seguindo criterios de mínima intervención e respecto polos sistemas construtivos tradicionais, asegurando a conservación dos valores históricos do hórreo.

 

Contexto patrimonial

 

A Finca de Vista Alegre, coñecida historicamente como Finca Simeón, constitúe un espazo de gran valor patrimonial e paisaxístico. Os primeiros rexistros documentais remóntanse ao ano 1796, cando aparece citada en planos da cidade como Horta de San Martín. Xa a comezos do século XX, a familia Simeón adquiriu a propiedade e transformouna nun pazo con horta, árbores froiteiras e diversos elementos singulares, como estatuas ornamentais, un cruceiro e o propio hórreo, que se pensa foi construído de maneira simultánea á residencia, unha edificación de estilo colonial datada en 1903, con ampla galería e estancias principais abertas ao xardín mediante unha balconada, ademais dunha pequena capela.

 

O recinto foi adquirido en 1995 polo Consorcio de Santiago para a súa rehabilitación como parque público, proceso iniciado en 1999 a partir dun proxecto de Arata Isozaki e César Portela. Na actualidade, a finca mantense como un xardín que acolle destacados equipamentos culturais e académicos, como a Casa de Europa, o Centro de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural, configurando un dos enclaves máis singulares da cidade.