O Consorcio de Santiago recibe unha delegación internacional do proxecto de cooperación triangular do Eixo Atlántico

Xuntanza Eixo Atlántico
xoves, 22 Outubro, 2026

O Consorcio de Santiago mantivo este xoves, 22 de outubro, unha reunión cunha delegación internacional participante no proxecto de cooperación triangular da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). O encontro, encabezado polo xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez Varela, permitiu dar a coñecer a organización e o funcionamento da entidade, así como o labor que desenvolve na preservación, rehabilitación e conservación do patrimonio histórico de Santiago de Compostela. A visita tivo lugar tras a recepción da delegación no Concello de Santiago, coa presidenta do Consorcio e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei.

 

Durante a reunión, os representantes das distintas institucións puideron coñecer o modelo de xestión e financiamento do Consorcio e o seu papel na protección e recuperación da cidade histórica. Tamén se compartiu a experiencia da entidade na planificación e desenvolvemento de actuacións orientadas á conservación do patrimonio arquitectónico e urbano compostelán.

 

A delegación estivo integrada por representantes da Oficina do Historiador da Cidade da Habana e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento en Cuba; do Fideicomiso do Centro Histórico da Cidade de México e da Secretaría de Planeación, Ordenamiento Territorial y Coordinación Metropolitana; así como da Asociación Fidjuz di Cabral e da Câmara Municipal de Ribeira Grande de Santiago, en Cabo Verde.

 

Pola parte do Eixo Atlántico participaron o seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, e Nour Al-Hussen Villa, xefa de sección da Área de Relacións Internacionais e Proxectos Europeos; e José Antonio Sánchez Bugallo, que achega a súa experiencia e coñecementos en materia de xestión pública.

 

A visita enmárcase no proxecto de cooperación triangular “Turismo sostible e desenvolvemento urbano en cidades Patrimonio Mundial”, iniciativa da AECID, que promove o intercambio de experiencias entre institucións de distintos países. Neste contexto, o Consorcio compartiu o seu modelo de organización e a súa experiencia na conservación dun centro histórico recoñecido como Patrimonio Mundial.