Restauración das varandas do Pazo de Raxoi

Restauración das varandas do Pazo de Raxoi
xoves, 7 Novembro, 2013

O Consorcio de Santiago iniciou en setembro a restauración das varandas de forxa das ventás e dos balcóns da fachada principal do Pazo de Raxoi, sede do Concello. Os traballos estanos a realizar catro ferreiros especializados en forxa artística. Ademais da intervención no edificio, desmontáronse algúns balcóns para recuperalos no taller. Está previsto que os traballos rematen a finais deste mes.

 

Unha das principais tarefas que se están a levar a cabo no taller é a fabricación das follas e demais elementos ornamentais desaparecidos. O repuxado faise a man. Unha vez elaboradas as ornamentacións, daráselles unha imprimación antioxidante e finalmente recubriranse con láminas de pan de ouro para que recuperen o seu dourado orixinal. O último paso é a montaxe de cada varanda no seu lugar correspondente, de xeito que se fixarán á pedra da fachada con chumbo fundido, tal como se facía antigamente. Nesta liña, o Consorcio avoga pola recuperación dos oficios tradicionais -como son os de ferreiro, canteiro ou carpinteiro- nos traballos de rehabilitación que se están a levar a cabo no casco histórico compostelán.

 

Estanse a atopar achados curiosos como que as reixas son moi semellantes ás dos palacios e concellos franceses, a pesar de que o edificio é de estilo neoclásico. Durante a realización dos traballos de restauración apareceron nas reixas marcas de propiedade, en particular o selo do arcebispo Rajoy como promotor da obra, e tamén marcas do ferreiro orixinal. Ata o de agora estas marcas non eran perceptibles debido a que as reixas estaban pintadas e douradas e entre os séculos XVIII e XX sufriron múltiples intervencións.

 

As pescudas levan a pensar que as reixas orixinais saíron da confraría de ferreiros da antiga igrexa de Salomé, que, xunto co de San Martiño Pinario, representaría un importante taller de ferrería na cidade. E, ademais, das reixas, tamén se encargaron de toda a ornamentación e de darlle o toque final dourado.

 

Outro aspecto de grande interese é que se atoparon reixas reutilizadas, é dicir, que orixinalmente procedían doutro edificio, como é a propia Catedral de Santiago. E isto descrubriuse grazas aos selos dos ferreiros da época, que aínda se conservan entre os ferros das varandas.