A Casa do Cabido acolle unha exposición homenaxe ao ourive Julio Lado

martes, 1 Xuño, 2021

A Casa do Cabido, na praza das Praterías, acolle a exposición “Lado, unha saga de ourives composteláns”. Está dedicada ao ourive Julio Lado Martínez como derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría con forte enraizamento en Compostela desde o século XIX.

 

Julio Lado é a cuarta xeración desta familia numerosa de ourives. A mostra reúne unha selección de pezas realizadas por el ao longo da súa vida, “pezas dun elevado valor porque ninguén cincelaba nin repuxaba como el, é un auténtico mestre” -salientan as comisarias, Chus Iglesias e María Gómez-. Tamén se amosan os debuxos orixinais das obras, o que permite coñecer como foi o proceso de traballo. Ademais, recreouse unha pequena parte dun taller cun tabliz -banco de traballo- con ferramentas tradicionais moi antigas, algunhas delas xa non existen e moitas ideadas pola propia familia. O público poderá participar no proceso de realización dunha ou varias pezas mentres o ourive Julio Lado modela os motivos decorativos na prata con técnicas centenarias en perigo de desaparición como o cincelado e o repuxado.

 

A familia Lado

 

A saga de ourives composteláns Lado iniciouse no último terzo do século XIX, cando Andrés Lado Puente funda a casa. O seu fillo, Andrés Lado Pensado, realiza unha bandexa coa que obtén a Medalla de Ouro da Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago en 1909 e inaugurada polo rei Afonso XIII.

 

Julio Lado Martínez nace en Compostela en 1937. É o oitavo de dez irmáns, sete dos cales continúan no taller familiar a saga iniciada polo bisavó na rúa Rapa da Folla. Cando tiña 15 anos morre o seu pai e empeza a traballar no taller, trasladado polo avó ao número 40 da rúa do Vilar, no que se forma co seu irmán Ángel, Premio Nacional de Ourivaría en 1964.

 

O cincelado converteuse no sinal de identidade de Julio e Ángel. Recibían encargos de obxectos relixiosos da Igrexa, que traballaban artesanalmente. En menor medida realizaban pezas de carácter civil, debido a que o público decantábase polas de fábrica, feito que ameazaba a continuidade dos talleres dedicados á ourivaría artesanal da cidade. Os motivos iconográficos máis representativos na súa obra eran os referentes a Compostela.

 

Entre os 15 e os 21 anos Julio compaxina a formación práctica co seu irmán no taller e a formación regrada na Escola de Artes e Oficios, a actual Mestre Mateo. En 1982 é galardoado co primeiro premio de destreza en ourivaría en prata pola realización do escudo de Galicia. En 2016 chégalle o máximo recoñecemento galego para un artesán: o Premio Artesanía de Galicia á Traxectoria. Desde o ano 2020 é restaurador da Universidade de Santiago.

 

En 2011, tras case século e medio de traballo, pechan a xoiería e o taller por xubilación, aínda que Julio, con 84 anos recén cumpridos, 70 deles dedicados ao oficio, continúa en activo, nunca deixou de crear.

 

Horarios da exposición

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns pecha ao público.